xoves, 18 de febreiro de 2016

Borrador de Regulamento de Réxime Interno

Neste curso 2015/2016 a directiva da ANPA Tea confeccionou un borrador de Regulamento de Réxime Interno. Que é isto?

O Regulamento de Réxime Interno é unha norma complementaria dos Estatutos, que vén ampliar, ou complementar a estes en materias non especificadas nos mesmos ou que especificadas, non teñen un desenvolvemento suficientemente amplo. Como tal norma de desenvolvemento, en ningún caso poderá o seu contido ser contrario ao contido estatutario. A existencia deste Regulamento de Réxime Interno non é obrigatoria, pero si conveniente, especialmente naqueles casos en que a redacción estatutaria está rexida por un criterio minimalista.

A vantaxe da súa existencia é que non é obrigatoria a súa inscrición no Rexistro de Asociacións. Habitualmente este documento vén regular, detalladamente, as reunións dos órganos da asociación, o réxime disciplinario e, en xeral, materias que nos Estatutos figuran dun modo superficial.

Este borrador debe ser aprobado en Asemblea Xeral de familias asociadas, pero antes dende a Xunta Directiva damos a posibilidade de participar no mesmo. Para isto, abrimos dende hoxe un prazo de emendas para que todas as familias asociadas poidan tomar parte neste regulamento. Achegamos o borrador coas liñas numeradas e un formulario de emendas para tal fin que podedes cubrir cos datos, as vosas emendas (unha por formulario) de engadido, eliminación ou substitución, a liña a emendar e a argumentación para facer esta emenda. Isto é moi importante, xa que axudará a que se aprobe ou rexeite a emenda.

O prazo de recepción de emendas será de 15 días a partir de hoxe. Podedes deixalas ben cumprimentadas na nosa caixa de correo. Non teremos en conta aquelas emendas que non cheguen en prazo, non veñan no formulario que proporcionamos, non estean ben cubertas ou lles falten datos.

Posteriormente, celebraráse unha Asemblea Xeral de Familias Asociadas para debater e acordar as emendas entre todas.

xoves, 4 de febreiro de 2016

Falando co Goberno de Ponteareas

O pasado 3 de novembro de 2015, e ante a falla de civismo dalgúns condutores e condutoras que circulan e aparcan pola nosa vila, fixemos unha solicitude ao concello. Unha solicitude razoable ao noso entender:


Uns días despois chegounos a contestación do alcalde, onde se nos informa que o concello non conta "cun número tan elevado de policías" e que "se están a estudar outras medidas alternativas". Aquí a resposta íntegra:

Xa en xaneiro deste ano e ao comprobar que non melloraba a seguridade do alumnado do noso centro e ante a falta de información, tomamos a decisión de utilizar esa fórmula que tan xenerosamente deu o actual goberno á cidadanía para que poidamos elevar as nosas queixas, cuestións ou suxestións: a intervención plenaria. Xa de paso, preguntamos polo comedor e polo patio cuberto, que agora mesmo son as cuestións que máis interesan ás familias do centro:

Ese martes, agardamos pacientemente a que rematará o pleno (comezou ás 20:00 e rematou ás 00:00) para poder facer a nosa intervención, que dixo así:

 
Boa noite a todas e todos:

Veño en representación da ANPA Tea e polo tanto, das familias asociadas á mesma.
  1. Como todas sabemos, este curso tampouco temos no CEIP Fermín Bouza Brey un patio cuberto. Este patio cuberto leva pedíndose dende o ano 2000, e incluso en 2008, xa o Servizo de Inspección Provincial facía chegar á Xunta a necesidade do mesmo. Na primeira asemblea de familias asociadas que celebrou a ANPA Tea este curso, o 30 de setembro de 2015, estivo convidada a actual concelleira de educación, Cristina Fernández. Alí explicou ás familias que este curso tampouco temos o patio cuberto por desacordos coa empresa en relación ao presuposto, aínda que reafirmou o seu compromiso de que se fará este ano sen excepción. Sabemos que para a súa construción, hai que contar cuns prazos e cunha boa comunicación coa empresa encargada de levala a cabo. Por iso, e para tranquilidade das familias, solicitamos información sobre este proceso e en que punto atópase na actualidade.
  2. Por outra banda, este curso tamén notificáronnos dende a dirección do centro, a apertura dun comedor escolar. De feito, enviouse unha circular ás familias para que solicitaran ser beneficiarias do servizo durante este curso 2015/2016. Desta nova tamén informou logo a concelleira de educación na asemblea citada anteriormente. Asegurou que podería ser xestionado polo concello mentres se tramitaban as solicitudes á Xunta para a súa posterior xestión. O 27 de outubro de 2015, nun Consello Escolar, nos comunica que en poucos días rematarán as obras e xa se poderá abrir o servizo. Esta foi a derradeira información que tivemos sobre o comedor, polo tanto, e para transmitirlle ás familias interesadas, solicitamos información sobre este proceso e en qué punto atópase na actualidade.
  3. Por último, o día 5 de novembro rexistramos no concello unha solicitude para asignar máis efectivos da policía local no centro durante a entrada ás 09:00 e a saída ás 14:00 debido a que o centro dispón de tres portas por onde entra e sae o alumnado e á súa inseguridade ao cruzar a estrada ou mesmo transitar polas beirarrúas. A resposta foi rápida e concisa: o día 11 de novembro, o alcalde comunícanos que o concello non dispón dos tres policías que farían falla durante 10 minutos á entrada e outros 10 á saída, pero estudan medidas alternativas para garantir a seguridade do alumnado. Polo tanto, solicitamos información sobre estas medidas alternativas e en qué momento se tomarán.
Moitas grazas por permitirnos a intervención e un saúdo.
 
Mostramos circular do centro para solicitar ser beneficiaria do comedor escolar:

Ao rematar a nosa intervención, comunicáronnos que seríamos informadas por escrito sobre as nosas consultas e dito e feito, a resposta chegou:
 

Qué che parece?

luns, 1 de febreiro de 2016

Festa de ENTROIDO da ANPA Tea!



Para infantil e primaria dos centros públicos de Ponteareas. Alumnado asociado de balde! O resto só un euro. Haberá postres de entroido.
MENORES ACOMPAÑADXS DE UN/HA ADULTO/A.
 
8 de febreiro de 2016 de 18:00 a 20:00 no Centro Artístico Sportivo. Agardámoste!