mércores, 12 de xuño de 2013

PROPOSTA PARA A IMPLANTACIÓN DUN PROGRAMA DE REUTILIZACIÓN DE LIBROS DE TEXTO

A ANPA Tea organiza un referendo a fin de que os pais e nais manifestemos se estamos de acordo con esixir a implantación dun sistema de reutilización de libros de texto.

PROPOSTA PARA A IMPLANTACIÓN DUN PROGRAMA DE REUTILIZACIÓN DE LIBROS DE TEXTO

No edificio de dirección do centro, en horario de 09:00 a 10:00, de 13:00 a 14:00 e de 16:00 a 17:00 horas, haberá unha urna e papeletas impresas co seguinte texto:
 _____________________________________________

Gustaríache que se reimplantara o sistema anterior de reutilización de libros de texto?

  • SI

  • NON
_______________________________________________

A Asociación de Nais e Pais de Alumnos/as Tea do CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas, en colaboración coa FANPO (Federación de ANPAs de Centros de Ensino Público de Ponteareas), están a promover unha reclamación diante da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para que esa consellería volte ao sistema de reutilización dos libros de texto polas seguintes razóns:

  1. A necesidade de que os libros de texto da educación obrigatoria non sexan unha carga económica para as familias. No actual curso estamos a ver a dura situación na que se atopan as familias debido a crise social e económica, o desemprego e as reducións salariais. As bolsas destinadas á axuda de compra de material son insuficientes para garantir que todo o alumnado estea provisto dos libros de texto e outro material necesario.
  2. A seguridade de que o tratamento de materiais que han ser devoltos en boas condicións, para o seu uso posterior, incide positivamente na educación dos nosos fillos e fillas.
  3. A progresiva implantación, necesaria e así mesmo demandada nesta solicitude, de novas tecnoloxías a utilizar no ensino, será moito máis doada cando o material didáctico non dependa xa da capacidade económica das familias.

Pedímosvos entón que participedes no referendo que a ANPA Tea do CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas celebrará o vindeiro 18 de xuño no edificio de dirección deste centro escolar. Para exercer os vosos dereitos deberedes identificarvos co DNI ou pasaporte á hora de votar. Lembrade que tanto a nai coma o pai de cada unidade familiar podedes facelo.

É moi importante que acudamos masivamente a votar, xa que os datos resultantes deste referendo servirán para respaldar este pedimento ante a Consellería de Educación, por parte da nosa ANPA e tamén pola federación á que pertencemos: Federación de ANPAs de Centros de Ensino Públicos de Ponteareas (FANPO).

Grazas pola vosa colaboración neste proxecto tan necesario nestes momentos en que moitas familias en situación económica precaria xa non poden soportar os gastos que supón a compra de libros de texto todolos anos, mailo material escolar.