venres, 10 de maio de 2013

ÉXITO DE SEGUIMENTO DA FOLGA XERAL DE ENSINO NO CEIP FERMÍN BOUZA BREY

A Asociación de Nais e Pais de Alumnos/as Tea do maior centro público de primaria de Ponteareas, celebra o éxito da xornada de folga no Ensino que se vivíu onte na vila. 


Este centro, que conta actualmente con case 600 nenos e nenas, tivo unha porcentaxe dun 87% de cativos que non asistiron á clase. Datos que poderían aplicarse ao resto de centros de ensino público de Ponteareas, onde a maioría do alumnado secundou a folga. 

Isto tradúcese no total rexeitamento colectivo das nais e pais a acatar a lei imposta e discriminatoria do ministro Wert, a LOMCE. 

A Anpa Tea traballou arreo co obxectivo de que ningún pai e ningunha nai deste centro quedara sen saber en qué consiste esta lei e cómo vai afectar as súas vidas e ás dos seus fillos e fillas. Deste xeito, informouse de todas as formas posibles dende a directiva, incluíndo charlas nas asembleas por parte de profesionais na materia. 

Pola contra, valórase non tan positivamente que somentes 10 mestres e mestras secundaran a folga, dos 40 aproximadamente cos que conta este centro. 

Asemade, a manifestación convocada pola tarde pola Federación de Nais e Pais de Centros Públicos de Ensino de Ponteareas (FANPO) voltou ser un gran éxito de asistencia, cunha marea de xente que ocupaba varias rúas á vez ante as caras atónitas dos e das que preferiron sentarse nas terrazas a esperar a que os que sí se mobilizan polo que consideran inxusto, lles defendan os seus dereitos. 
Por todo isto a directiva da ANPA Tea quere agradecer ás nais, pais, mestres, mestras, alumnos e alumnas concienciados/as coa defensa do Ensino Público, a dura loita que están levando a cabo e que é un grande exemplo para todos. E tamén que SÍ PÓDESE, xa que hoxe recibimos con alegría a nova de que aprázase a aprobación da LOMCE e temos moi claro que, aínda que dende o goberno non o recoñezan, foi grazas á mobilización destas persoas.

luns, 6 de maio de 2013

9 de Maio - FOLGA XERAL de toda a COMUNIDADE EDUCATIVA

Pica na imaxe para vela no seu tamaño orixinal
O xoves 9 de maio, está convocada unha xornada de folga contra a LOMCE (Ley Orgánica de Mejora de la Calidad de la Educación). A ANPA Tea, apoiará esta FOLGA TOTAL DO ENSINO, convocada a nivel estatal polos sindicatos maioritarios nacionais e galegos, polo sindicato de estudantes, e a Confederación de ANPAS estatal (CEAPA). Tamén haberá unha manifestación para ese mesmo día ás 19.30 horas que sairá da Casa do Concello de Ponteareas e percorrerá as rúas principais da vila.

A Anpa Tea pide a máxima mobilización por parte dos pais e nais, apoiando esta xornada de folga e procurando non mandar os nenos e nenas á escola. Organiza colectivamente o coidado dos cativos que non asistirán a clase.

Defende a Educación dos teus fillos e fillas.

A LOMCE

A Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) responde a un modelo ideolóxico conservador, que non cre na igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas nin na educación como instrumento de ascenso social das clases máis desfavorecidas, e para o cal a atención á diversidade é canto menos unha frivolidade. Ese modelo avoga pola superación da crise da man da eliminación do público e os recortes en educación. Desde este enfoque é practicamente imposible a redución das taxas de fracaso escolar ás que di querer combater o ministro Wert.

A diagnose é débil e claramente ideolóxica. E as medidas que o Goberno propón para atallar o fracaso escolar tamén son receitas do pasado, e que demostráronse inútiles pola experiencia e a investigación educativa: adianto da separación do alumnado aos 14 anos, reválidas ao finalizar cada etapa, repetición de curso, sometemento á presión do exame, etc.

Promóvese a privatización coa xestión en clave empresarial dos centros educativos, así como co transvase de alumnado desde a escola pública cara á privada, con e sen concerto. Foméntase a competitividade entre estes e a súa especialización ata pola tipoloxía do alumnado, o que fará que os centros con mellores resultados reciban maior financiamento e non como se debese de facer, precisamente os centros onde o alumnado teña maiores dificultades é onde o investimento ha de ser maior para compensar as desigualdades sociais e que o alumnado pertencente a contornas sociais máis desprotexidos teña as mesmas oportunidades.

Esta Lei, se finalmente resulta aprobada, será moi lesiva para o sistema educativo español porque nos devolverá á escola do pasado, esa que estaba en mans de entidades privadas, a maioría organizacións relixiosas católicas, e cuxo resultado obtido durante catro décadas era unha escola de calidade para uns poucos, a expulsión do sistema educativo de forma temperá da maioría da sociedade, a incultura como etiqueta asociada ao noso país, e un atraso histórico inaceptable que só con todo o realizado desde que vivimos en Democracia fomos capaces de eliminar case na súa totalidade.

POR QUÉ NON DEBEMOS ACEPTAR A LOMCE

  1. É unha reforma mercantilista.
  2. Converte a educación nunha carreira de obstáculos con múltiples reválidas.
  3. Reduce a carga lectiva a uns contidos mínimos.
  4. Opta pola recentralización e control do currículo pola Administración.
  5. É clasista e segregadora a través de itinerarios selectivos e temperáns.
  6. Somete aos centros ás esixencias do mercado competitivo, clasificándoos en rankings.
  7. Recorta o financiamento en función dos resultados.
  8. Aposta pola xestión empresarial dos centros públicos.
  9. Socava a participación democrática da comunidade educativa nos centros.
  10. Fomenta o negocio educativo e “legaliza” os concertos con centros que discriminan por razón de sexo.
  11. É unha ofensiva contra o galego que deixa a lingua propia como residual no ensino.
  12. Rescata unha alternativa para a materia de relixión, cedendo así ás reivindicacións da Conferencia Episcopal.