luns, 25 de febreiro de 2013

Perigos de Interenet

A Asociación de Nais e Pais de Alumnos TEA do CEIP Fermín Bouza Brey, ten o gusto de convidalos á Charla “Perigos de Internet” que se celebrará hoxe

Luns, 25 de febreiro de 2013, ás 19.00 h. no Salón de Actos do IES “Val do Tea” de Ponteareas.

A charla será impartida por D. Gonzalo Sotelo, Responsable do Equipo de Investigación Tecnolóxica da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Diplomado en Policía Xudicial e Profesor Asociado da Universidade de Vigo.
Resaltamos a importancia deste tema tanto para proxenitores como para o alumnado que comeza a utilizar regularmente as redes sociais.

venres, 8 de febreiro de 2013

A ANPA TEA CELEBRA O ÉXITO DO SEU PROXECTO SOCIAL “LECTURA SOLIDARIA”

 
NESTA XORNADA DE ENTROIDO TAMÉN REIVINDICARON A URXENCIA DA REFORMA INTEGRAL DO CEIP FERMÍN BOUZA BREY

Na xornada festiva de hoxe, membros da ANPA Tea do CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas, comezaron o proxecto social “Lectura Solidaria” onde venden a prezos populares (1 e 2 euros), libros donados polas nais e pais do alumnado. Os cartos recadados serán destinados ao pago da excursión de fin de curso daqueles nenos e nenas cuias familias estén pasando por dificultades económicas.

O éxito foi abrumador, polo que non se descarta que haxa diñeiro dabondo para outras necesidades, como libros de texto ou material escolar.
Este proxecto terá continuidade mentres haxa persoas solidarias que donen e merquen libros, quedando o posto de venda no edificio de administración do centro.

Este non é o único proxecto social e solidario levado a cabo pola ANPA Tea, que colabora co Centro de Servizos Sociais da vila para que os cativos non sufran tan duramente os efectos devastadores das políticas discriminatorias que se están levando a cabo nestes últimos anos.
 

Asímesmo, a ANPA Tea ao tempo que realizaba este traballo, reivindicaba cos seus disfraces a urxencia da reforma integral tan prometida pola Xunta no seu momento e tan esquecida agora.
 

xoves, 7 de febreiro de 2013

luns, 4 de febreiro de 2013

II Xornada de Loita no Ensino Público

Estimada nai, estimado pai:

Dende a Asociación de Nais e Pais Tea e a través da Federación de ANPAs de Centros de Ensino Públicos de Ponteareas (FANPO), estase a loitar contra a implantación da LOMCE (Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa) e contra os recortes no Ensino. Toda a Comunidade Educativa está de acordo neste tema. A implantación da LOMCE será lesiva para o alumnado e provocará o transvase de orzamentos cara o ensino privado.

É por isto que apoiamos a FOLGA convocada polo Sindicato de Estudantes para os días 5, 6 e 7 de febreiro (para alumnos de 3º e 4º da ESO, BACHARELATO, CICLOS FORMATIVOS e PCPI) e vos instamos a que tamén a apoiedes e asistades ás mobilizacións de protesta na nosa Vila:

  • Mércores 6 de febreiro ás 12 da mañá MANIFESTACIÓN que sairá dende os IES
  • Xoves 7 de febreiro ás 19:00 CONCENTRACIÓN convocada pola FANPO diante do Concello de Ponteareas
a fin de que consigamos paralizar a aprobación desta Lei do Ministro Wert no Parlamento do Estado e polo tanto, o empeoramento na educación dos nosos fillos e fillas.