luns, 26 de novembro de 2012

O Consello Escolar


Que é o Consello Escolar?

O Consello Escolar é un órgano de goberno do centro. Está composto por todos os sectores da comunidade educativa e a súa constitución é obrigatoria en todos os centros xestionados con fondos públicos.
Cada dous anos renóvanse a metade dos representantes de cada sector fóra dos representantes do Equipo Directivo que, como mínimo, estarán catro anos. O director do centro será o Presidente do Consello Escolar e o secretario terá voz pero non voto.
As decisións tomadas no Consello Escolar teñen que ser por maioría simple e en caso de empate o voto de calidade é o do Presidente. En ocasións haberá decisións que se deberán tomar por maioría absoluta ou por unha maioría de dous terzos dos integrantes do consello, estas serán determinadas polas administracións públicas.

Composición

Todos os consellos escolares dos centros públicos de ensino secundario están compostos segundo o seguinte cadro:

(1) Un dos representantes designao a ANPA do centro. (2) Ten voz pero non ten voto.


Funcións

As funcións do Consello Escolar recóllense na Lei Orgánica 2/2006 de Educación (LOE). A continuación marcámosvos as máis significativas.
  1. Aprobar e avaliar os proxectos.
  2. Aprobar e avaliar a programación xeral anual do centro (sen prexuízo das competencias do Claustro de profesores, en relación coa planificación e organización docente.)
  3. Coñecer as candidaturas á dirección e os proxectos de dirección presentados polos candidatos.
  4. Participar na selección do director do centro nos termos que a LOE establece. Tamén poderá propor a revogación do nomeamento do director (por maioría de dous terzos)
  5. Ser informado do nomeamento e cesamento de membros do equipo directivo.
  6. Decidir sobre a admisión de alumnos, suxeito á lexislación vixente (LOE e outras disposicións que o desenvolvan).
  7. Coñecer a resolución de conflitos disciplinarios e velar porque se ateñan á normativa vixente. Cando as medidas disciplinarias adoptadas polo director correspondan a condutas do alumnado que prexudiquen gravemente a convivencia do centro, o Consello Escolar, a instancia de pais ou titores, poderá revisar a decisión adoptada e propor, no seu caso, as medidas oportunas.
  8. Propor medidas e iniciativas que favorezan a convivencia no centro, a igualdade entre homes e mulleres e a resolución pacífica de conflitos en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social.
  9. Promover a conservación e renovación das instalacións e equipo escolar e aprobar a obtención de recursos complementarios.
  10. Fixar as directrices para a colaboración, con fins educativos e culturais, coas Administracións locais, con outros centros, entidades e organismos.
  11. Analizar e valorar o funcionamento xeral do centro, a evolución do rendemento escolar e os resultados das avaliacións internas e externas nas que participe o centro.
  12. Elaborar propostas e informes, a iniciativa propia a petición da Administración competente, sobre o funcionamento do centro e a mellora da calidade da xestión, así como sobre aqueloutros aspectos relacionados coa calidade da mesma.
  13. Calquera outras que lle sexan atribuídas pola Administración educativa (Comunidade Autónoma).
 Por que ser conselleiro/a?

Ser conselleiro/a escolar é unha forma de participar na educación podendo cambiar e defender ideas que beneficien aos teus fillos/as. É unha das formas que temos de achegarnos ao sistema educativo e non pasar  como simples espectadores.
Sendo conselleiro/a podes facer que a túa voz óiase e as túas ideas déanse a coñecer, discútanse e vótense. No consello as túas ideas e o teu voto é igual de valido que o dun profesor ou un representante do concello.
Formar parte do consello escolar tamén pode ser beneficioso na túa vida persoal, xa que che axuda a tomar partido adquirindo a responsabilidade de defender os intereses de todos os estudantes.

Por qué votar?
 
O Consello Escolar é o máximo órgano de participación no control e xestión do centro dos centros educativos. Nel participan todos os sectores da comunidade educativa.

Votando podes conseguir varias cousas importantes:
  • Se ti elixes aos pais e nais mellor preparados ou que ti creas que van ser os mellores representantes para estar no consello escolar, sairás gañado, nel tomaranse decisións que afectarán a todo o alumnado do voso centro e a través deles chegará a vós a información do que pasa no centro.
  • Os representantes que elixades poderán servir de ponte para facer chegar as vosas propostas á dirección do centro e con iso facer mellor a convivencia diaria no voso centro.
  • Co voso voto debedes elixir a unha persoa que represente os intereses do colectivo de nais e pais e non os seus intereses individuais.
  • Votar significa facer uso dun dereito e un deber que vós tedes, por iso debedes tomalo en serio e non facer diso un desuso.
  • Elixindo ao conselleiro/a adecuado evitaredes os enganos aos pais e nais , saberedes que vós estades ben representados e que baixo calquera acontecemento, xa sexa bo ou malo teredes un representante no máximo órgano de participación do centro de ensino dos vosos fillos e fillas.

Á ATENCIÓN DOS PAIS, NAIS OU TITORES LEGAIS

Estimada nai, estimado pai:

  • As eleccións dos representantes ao Consello escolar, terán lugar o vindeiro martes 27 de novembro, en horario de 9:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 18:00 h.
  • Poden votar ámbolos dóus proxenitores.

Lembrámoste que o Consello Escolar é o órgano de goberno que canaliza a participación de todos os membros da Comunidade Educativa, onde se debaten e se deciden as cuestións fundamentais para o perfecto funcionamento do Centro.

Polo benestar académico do teu fillo/a non te esquezas de exercer o teu dereito ao voto.

venres, 23 de novembro de 2012

Turrón para Tod@s

Estimado pai, estimada nai:

Por mor da crise que padecemos, a ANPA Tea tomou a iniciativa de axudar a recadar doces típicos de Nadal para colaborar co Centro de Servizos Sociais do Concello de Ponteareas dentro da "operación kilo" que fan durante todo o ano.
As familias interesadas poden deixar calquera tipo destes doces todos os luns dende o 26 de novembro ata o 17 de decembro (ambos inclusive) ás 9:00 nas dúas entradas principais de alumnos do centro, onde faremos a recollida algúns membros da ANPA, ou ben diretamente no Centro de Servizos Sociais sito na Rúa Oriente 8.

Sabemos que sodes solidarios/as e volo agradecemos de antemán.

sábado, 10 de novembro de 2012

Sobre a inasistencia do alumnado por folgas ou protestas

Con relación á inasistencia a clase por parte do alumnado, é de aplicación a Disposición final primeira da LOE, en cuxo punto 5 modifica o artigo 8 da LODE e déixao coa seguinte redacción, que está plenamente vixente: 
"A fin de estimular o exercicio efectivo da participación dos alumnos nos centros educativos e facilitar o seu dereito de reunión, os centros educativos establecerán, ao elaborar as súas normas de organización e funcionamento, as condicións nas que os seus alumnos poden exercer este dereito. Nos termos que establezan as Administracións educativas, as decisións colectivas que adopten os alumnos, a partir do terceiro curso da educación secundaria obrigatoria, con respecto á asistencia a clase non terán a consideración de faltas de conduta nin serán obxecto de sanción, cando sexan resultado do exercicio do dereito de reunión e sexan comunicadas previamente á dirección do centro."
É dicir, que se o alumnado dun centro reuniuse en Asemblea e decidiron non asistir a unha ou a varias clases, durante un ou varios días (o que é unha folga de estudantes), basta con iso e coa comunicación á dirección. Para os alumnos onde non se realizaron Asembleas (motivo polo cal as Administracións intentan prohibilas con variados argumentos), será de aplicación a falta de asistencia e a necesidade de xustificala. O mesmo ocorre co alumnado que estea nun curso inferior ao terceiro da ESO.

Para xustificar ditas faltas serve ESTE MODELO, que foi revisado por un asesor xurídico.

Folga Xeral Europea do 14N


A Federación de ANPAs de Centros Públicos de Ensino de Ponteareas, á que estamos adscritos, apoiará e participará na folga xeral europea do 14N así como en todas as accións en defensa da Escola Pública que se están levando a cabo. Coincidimos coa denuncia de toda a comunidade educativa de que este é o curso no que se inicia o desmantelamento total da Educación Pública e a práctica desaparición da igualdade de oportunidades no acceso ao dereito á educación. Os recortes e a reforma educativa non teñen tanto que ver coa crise senón cun modelo ideolóxico que aposta pola escola privada e concertada en detrimento da pública.

É unha reforma que nos atrasa convertendo a educación nunha carreira de obstáculos con continuas reválidas. É unha reforma segregadora, antidemocrática, controladora e que desconfía da capacidade dos profesionais da educación. É unha reforma que promove a xestión empresarial dos centros públicos. É unha reforma privatizadora.


Por todo isto, facemos un chamamento a todos as nais e pais de Ponteareas para que o vindeiro mércores 14 de novembro secunden a folga e non leven aos seus fillos e fillas á escola. Para que se posicionen claramente en contra desta reforma e non a apoien co seu silencio. Son os nosos dereitos, son as nosas obrigas. 
POLOS NENOS NOS MOVEMOS!

xoves, 8 de novembro de 2012

Asemblea Xeral Ordinaria

Lembrade:

Hoxe, ás 19:00 en primeira convocatoria e ás 19:30 en segunda convocatoria, celebraráse unha

ASEMBLEA XERAL ORDINARIA
para socios/as
coa seguinte

ORDE DO DÍA:

  1. Lectura e aprobación da acta anterior se procede.
  2. Aprobación da memoria de actividades.
  3. Aprobación as contas e balances do exercicio anterior.
  4. Aprobación dos presupostos de ingresos e gastos para cada exercicio.
  5. Exame e aprobación de cotas.
  6. Situación actual do centro
  7. Asuntos varios e preguntas.
Tamén contaremos coa explicación de cómo afectan os recortes aos nosos fillos e fillas por parte dun Profesor de primaria.

NON FALTES, AGARDÁMOSTE!